viernes, 14 de octubre de 2011

Club de Lectura Mixto 8ª sesión: Roteiro literario

A PRAIA DOS AFOGADOS
Hai materiais para descargar ao final

Como este ano nos portamos ben, tivemos un premio para acabar o curso: O roteiro literario da novela A Praia dos Afogados, de Domingo Villar.
Víñamos desde Redondela e desde Vigo, así que decidimos quedar xa en Panxón, e onde, se non no Refuxio do Pescador?

No “Bar de Tavo”, como o chama a xente da vila, é o propio Gustavo quen nos explica como está reconstruído o lugar na novela, conservando detalles actuais xunto con outros que agora xa desapareceron. Xunto á fiestra hai xente botando a partida de dominó, pero dentro hai outro espazo que agora é un comedor e que antes era a carpintería de ribeira do libro, onde traballaba o seu propio pai. Por fóra está pechado agora, pero el amósanos o interior, no que ten fotos aparelladas de Panxón como era antes, cando as dunas ocupaban toda a praia, e como é na actualidade, cando foron substituídas pola arquitectura racionalista que Domingo Villar comenta no seu libro.

A continuación dimos un paseo para ver, aos lados do Refuxio do pescador, a lonxa e o club náutico, que ten forma de ponte de mando dun barco...

..., a rampla que chega ata a auga e os barcos de remo, entre os que aparece algún mastro...

..., o peirao no que algúns (e algunhas!) están probando coa cana de pescar, as gamelas e lanchas auxiliares, as nasas amoreadas...

Despois chegou Miguel, a auténtica estrela da nosa visita, un amigo percebeiro que nos acompañou explicándonos todo o que ten que ver coa pesca e os lugares da novela.

Primeiro vimos o barco no que el estivo varios anos pescando con nasas, e outro que saía nese momento (sen nasas, porque só se levan á noite). Coma estes debía ser o do Rubio.

Despois achegámonos a unhas nasas e Miguel contounos como se ceban e se preparan e como se pescan con elas a nécora, o camarón e mesmo o polbo e moitos outros peixes.

As nécoras non poden saír polo peso; os camaróns si, pero non saben atopar a saída. Os polbos son moito máis intelixentes e atópana ben, así que hai que collelos mentres están distraídos comendo.

Subimos agora ao Templo Votivo do Mar. Pasamos xunto ao arco visigótico que o arquitecto Palacios conseguiu indultar a cambio de facer os planos da nova igrexa, na que entramos.

Os mosaicos e as imaxes son como os describe o noso autor, pero o párroco, que tamén se chama Fernando, non é o velliño que el pinta.

Atendemos á explicación da simboloxía da imaxe da Virxe do Carmen, que baixa do ceo para rescatar aos mariñeiros protexidos co escapulario. Está tamén a reprodución da carabela La Pinta e moitos outros símbolos que mesturan as crenzas, a superstición e o poder dunhas persoas sobre outras nos mesmos graos que se contan no relato.

Seguinte parada: a praia da Madorra. Detrás de Maite, Bea e Víctor está a esquina da praia onde atoparon o corpo de Xusto Castelo, e na esquina contraria vese a península de Monteferro, aínda milagrosamente a salvo da especulación e da cultura do ladrillo.

A subida entre árbores e o monólito da cima sóannos estrañamente coñecidos.

E agora xa escoitamos as explicacións de Miguel sobre os lugares. Estas son as Illas Estelas: A Estela de Terra e a Estela de Fóra. Por alí queda Punta Lameda, da que teño oído que fala o libro. Fixádevos nesa lancha que vai aí: para pasar por aquí hai que ir moi pegado á Estela de Terra, porque do lado de acó hai acantilados e só quen os coñece ben pode pasar, e moi despacio.

E unha e outra vez, a pesca. Con tristura comenta a frase dos pescadores: Empezou a entrar robaliza (ou sardiña, polbo, nécora, percebe...) e non deixei nin unha! Nós, os legais, somos os peores furtivos!

A punta que se ve ao fondo é Cabo Silleiro, e aínda seguen unha rochas que entran no mar. Alí, a tres cuartos de hora andando e nadando, é o lugar preferido de Miguel, que é percebeiro a pé e non pode ir en barco ata as illas. A miña confradía é a de Baiona. A eles non lles interesa Monteferro, e deixan as rochas de aquí para os furtivos.

Ao final, sesión fotográfica.

Agora tocan as despedidas. Volvemos a Panxón e alí, no bar en que Estévez comía unha ensalada, despedímonos pensando que leremos o ano que ven.

Felices vacacións a todo o mundo!

MATERIAIS PARA DESCARGAR

Como vós tamén vos portastes ben, merecédesvos estas presentacións sobre
A Praia dos Afogados. Pero... COIDADO!, aínda que ata agora nada do que contamos revela ningún dato importante da trama, nestes materiais si que hai moitos "escaralladoiros" (spoilers). Lede primeiro a novela e mirade as presentacións despois.
Tratan sobre os mapas, a música, a gastronomía e algúns lugares (xeográficos ou virtuais) relacionados coa novela. Picando (Ctrl. + Click) nas ligazóns ou nas iconas accederedes a Google Docs e alí, picando en Download, poderedes ver as presentacións ou descargalas no voso ordenador.


As iconas e os materiais tomados de internet para a presentación utilízanse só para fins educativas. Para pedir a súa retirada, enviar unha mensaxe a través do cadro de diálogo que aparece ao final deste post.
Recensión e materiais elaborados por Ramón Soler, profesor do Departamento de Filosofía e Biblioteca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario