miércoles, 21 de marzo de 2012

TERCEIRA SESIÓN DO CLUBE DE LECTURA: A VIDA SECRETA DAS ABELLAS

Inaguramos o ano 2012 coa terceira sesión do club de lectura na que falamos da novela de Sue Monk Kidd:
A vida secreta das abellas e a súa versión cinematográfica, a película de Gina Prince-Bythewood. Para saber máis preme aquí.

jueves, 1 de marzo de 2012

2ª SESIÓN DO CLUB DE LECTURA 2011-12

O pasado 5 de decembro reunímonos para comentar a lectura do diario secreto de Adrian Mole. Analizamos as persoaxes principias lendo extractos do libro e estivemos botando unha chea de risas.

viernes, 24 de febrero de 2012

“O DIARIO SECRETO DE ADRIAN MOLE” de Sue Townsend.

“O DIARIO SECRETO DE ADRIAN MOLE” de Sue Townsend.

TEMAS

1. MUNDO ADULTO

1.1. Nai/pai: relación con cada un e proxeccións personais.

1.2. Avoa: influencia na vida familiar

1.3. O señor Lucas: a figura distorsionadora.

1.4. O señor Bert Baxter: o xubilado inglés.

2. MUNDO ADOLESCENTE

2.1. O seu primer amor: Pandora. As súas primeiras experiencias amorosas.

2.2. Colexio: acoso (Barry Kent) e presión escolar.

2.3. Tanteando as perspectivas de futuro

2.4. Crítica ao mundo adulto: camiñando cara a madurez.

3. A IRONÍA E O HUMOR COMO EXPRESIÓN DAS PROBLEMÁTICAS SOCIAIS E PERSONAIS.


PRESENTACIÓN A VIDA SECRETA DAS ABELLAS

Picando nas imaxes podedes descargar unha presentación para o comentario (en Google Docs, picando en Arquivo-Descargar orixinal) e un titorial (en PDF) para preparar a lectura (este titorial vai orientado máis ben ao profesorado que queira preparar esta actividade en grupo).

miércoles, 15 de febrero de 2012

INAUGURACIÓN DO CLUBE DE LECTURA


CLUB DE LECTURA 2011-12
O pasado luns día 7 de novembro inauguramos o club de lectura deste ano coa presencia das nais e profesorado. Limos os tres primeiros capítulos do libro La edad del pavo de Alejandra Vallejo Nájera. Se queres ler máis sobre os temas que se trataron preme aquí.

viernes, 14 de octubre de 2011

Club de Lectura Mixto 8ª sesión: Roteiro literario

A PRAIA DOS AFOGADOS
Hai materiais para descargar ao final

Como este ano nos portamos ben, tivemos un premio para acabar o curso: O roteiro literario da novela A Praia dos Afogados, de Domingo Villar.
Víñamos desde Redondela e desde Vigo, así que decidimos quedar xa en Panxón, e onde, se non no Refuxio do Pescador?

No “Bar de Tavo”, como o chama a xente da vila, é o propio Gustavo quen nos explica como está reconstruído o lugar na novela, conservando detalles actuais xunto con outros que agora xa desapareceron. Xunto á fiestra hai xente botando a partida de dominó, pero dentro hai outro espazo que agora é un comedor e que antes era a carpintería de ribeira do libro, onde traballaba o seu propio pai. Por fóra está pechado agora, pero el amósanos o interior, no que ten fotos aparelladas de Panxón como era antes, cando as dunas ocupaban toda a praia, e como é na actualidade, cando foron substituídas pola arquitectura racionalista que Domingo Villar comenta no seu libro.

A continuación dimos un paseo para ver, aos lados do Refuxio do pescador, a lonxa e o club náutico, que ten forma de ponte de mando dun barco...

..., a rampla que chega ata a auga e os barcos de remo, entre os que aparece algún mastro...

..., o peirao no que algúns (e algunhas!) están probando coa cana de pescar, as gamelas e lanchas auxiliares, as nasas amoreadas...

Despois chegou Miguel, a auténtica estrela da nosa visita, un amigo percebeiro que nos acompañou explicándonos todo o que ten que ver coa pesca e os lugares da novela.

Primeiro vimos o barco no que el estivo varios anos pescando con nasas, e outro que saía nese momento (sen nasas, porque só se levan á noite). Coma estes debía ser o do Rubio.

Despois achegámonos a unhas nasas e Miguel contounos como se ceban e se preparan e como se pescan con elas a nécora, o camarón e mesmo o polbo e moitos outros peixes.

As nécoras non poden saír polo peso; os camaróns si, pero non saben atopar a saída. Os polbos son moito máis intelixentes e atópana ben, así que hai que collelos mentres están distraídos comendo.

Subimos agora ao Templo Votivo do Mar. Pasamos xunto ao arco visigótico que o arquitecto Palacios conseguiu indultar a cambio de facer os planos da nova igrexa, na que entramos.

Os mosaicos e as imaxes son como os describe o noso autor, pero o párroco, que tamén se chama Fernando, non é o velliño que el pinta.

Atendemos á explicación da simboloxía da imaxe da Virxe do Carmen, que baixa do ceo para rescatar aos mariñeiros protexidos co escapulario. Está tamén a reprodución da carabela La Pinta e moitos outros símbolos que mesturan as crenzas, a superstición e o poder dunhas persoas sobre outras nos mesmos graos que se contan no relato.

Seguinte parada: a praia da Madorra. Detrás de Maite, Bea e Víctor está a esquina da praia onde atoparon o corpo de Xusto Castelo, e na esquina contraria vese a península de Monteferro, aínda milagrosamente a salvo da especulación e da cultura do ladrillo.

A subida entre árbores e o monólito da cima sóannos estrañamente coñecidos.

E agora xa escoitamos as explicacións de Miguel sobre os lugares. Estas son as Illas Estelas: A Estela de Terra e a Estela de Fóra. Por alí queda Punta Lameda, da que teño oído que fala o libro. Fixádevos nesa lancha que vai aí: para pasar por aquí hai que ir moi pegado á Estela de Terra, porque do lado de acó hai acantilados e só quen os coñece ben pode pasar, e moi despacio.

E unha e outra vez, a pesca. Con tristura comenta a frase dos pescadores: Empezou a entrar robaliza (ou sardiña, polbo, nécora, percebe...) e non deixei nin unha! Nós, os legais, somos os peores furtivos!

A punta que se ve ao fondo é Cabo Silleiro, e aínda seguen unha rochas que entran no mar. Alí, a tres cuartos de hora andando e nadando, é o lugar preferido de Miguel, que é percebeiro a pé e non pode ir en barco ata as illas. A miña confradía é a de Baiona. A eles non lles interesa Monteferro, e deixan as rochas de aquí para os furtivos.

Ao final, sesión fotográfica.

Agora tocan as despedidas. Volvemos a Panxón e alí, no bar en que Estévez comía unha ensalada, despedímonos pensando que leremos o ano que ven.

Felices vacacións a todo o mundo!

MATERIAIS PARA DESCARGAR

Como vós tamén vos portastes ben, merecédesvos estas presentacións sobre
A Praia dos Afogados. Pero... COIDADO!, aínda que ata agora nada do que contamos revela ningún dato importante da trama, nestes materiais si que hai moitos "escaralladoiros" (spoilers). Lede primeiro a novela e mirade as presentacións despois.
Tratan sobre os mapas, a música, a gastronomía e algúns lugares (xeográficos ou virtuais) relacionados coa novela. Picando (Ctrl. + Click) nas ligazóns ou nas iconas accederedes a Google Docs e alí, picando en Download, poderedes ver as presentacións ou descargalas no voso ordenador.


As iconas e os materiais tomados de internet para a presentación utilízanse só para fins educativas. Para pedir a súa retirada, enviar unha mensaxe a través do cadro de diálogo que aparece ao final deste post.
Recensión e materiais elaborados por Ramón Soler, profesor do Departamento de Filosofía e Biblioteca.